A arbitraxe pontevedresa celebra a súa gala bianual

Pontevedra
29 de xuño 2025

Durante o evento rendeuse unha sentida homenaxe a Manolo Barreiro e Manuel Magdaleno Solla e recoñeceuse o labor de PontevedraViva e do Figueirido CF

Gala de fin de tempada do Comité Técnico de Árbitros

A Finca Batacos vestiuse de gala este sábado para acoller a Gala Bianual do Comité Técnico de Árbitros.

O evento reuniu a preto de 200 asistentes para recoñecer o labor arbitral das tempadas 2023-2024 e 2024-2025.

O acto contou coa presenza de Pablo Prieto, presidente da Federación Galega de Fútbol; Bernardino González, presidente do Comité Técnico Galego de Árbitros; e José Manuel Fernández, vicepresidente da Futgal.

Tamén estiveron Ramón Arís, delegado dos árbitros en Pontevedra, e Jaime Otero, representante da Futgal.

Durante a celebración, procedeuse á entrega dos recoñecementos aos árbitros que destacaron nas dúas últimas tempadas e ascenderon de categoría.

Este último recoñecemento estivo cargado de emoción, xa que moitos dos ascendidos do último ano coñeceron os seus resultados nese mesmo instante.

Ademais dos ascensos individuais, recoñeceuse o labor de Pontevedraviva e do Figueirido CF pola súa colaboración co colectivo arbitral, cedendo as súas instalacións para o desenvolvemento das súas actividades.

Durante a gala tamén se rendeu unha sentida homenaxe a Manolo Barreiro e Manuel Magdaleno Solla, dúas figuras que deixaron unha profunda pegada na arbitraxe galega.

Os seus respectivos fillos foron os encargados de recoller estes premios a título póstumo.