Arquivada por segunda vez a denuncia contra o presidente do Leis, José Antonio Nieto

Pontevedra
20 de novembro 2015

Nieto foi denunciado por tres ex-xogadoras do club por un suposto delito contra a integridade moral. O auto do Xulgado de Instrución 2 de Pontevedra establece cinco días de prazo para un posible recurso

José Antonio Nieto, presidente do Leis 26 FS
José Antonio Nieto, presidente do Leis 26 FS / Mónica Patxot

Por segunda vez a xustiza arquiva a denuncia por un suposto delito contra a integridade moral interposta por tres ex xogadoras do Leis Pontevedra contra o seu presidente, José Antonio Neto.

O Xulgado de Instrución 2 de Pontevedra rexeitou inicialmente a causa, pero máis tarde a Audiencia Provincial estimou parcialmente as alegacións das denunciantes instando a continuar coa mesma e a citar a declarar aos implicados.

Agora, tras analizar esas declaracións, de novo o titular Xulgado de Instrución, Xermán Varela, explica un auto datado o xoves 19 de novembro que os feitos denunciados "non merecen reproche penal", aínda que incide de novo que a decisión "non supón negarlle reproche a unha conduta", segundo argumenta en relación á maneira de proceder do presidente do club.

O feito de que o sobresemento se declare provisional, explica Varela, débese a que "non podemos ter probado que non existiran outros feitos ou matices ao expresado pero aclarando que todo o estudado, polos motivos ditos, no merece reproche penal", reitera.

Durante a instrución e posteriores alegacións transcurriu un ano, desde que as ex-xogadoras do Leis e o seu adestrador presentaron a denuncia contra Nieto, o 14 de novembro de 2014.

O tribunal establece un prazo de cinco días para un posible recurso da parte denunciante.

NIETO VALORA EMPRENDER ACCIÓNS LEGAIS

Tras coñecer o auto do xuíz, o presidente do Leis explicou a PontevedraViva que volverá de inmediato á primeira liña de traballo no club, da cal apartouse temporalmente mentres o proceso estaba aberto.

Ademais José Antonio Nieto asegurou que estudará emprender accións legais contra as ex xogadoras: "Me sentaré con mis abogados para saber hasta dónde puedo llegar, pero quiero que sepan lo que es pasar por el año que yo he pasado", afirmou.