A andaina en Liga Feminina Challenge chegou ao seu fin para o Club Baloncesto Arxil, que se despediu este sábado da tempada cunha axustada derrota fronte ao Castelló (61-63).
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi escenario do último partido de liga do conxunto pontevedrés que, tras unha tempada complicada en canto a resultados, con só unha vitoria en trinta partidos, brindou unha alegría aos seus seguidores plantando cara ao seu rival e quedándose ás portas de volver sumar.
Tras un inicio de partido en grao sumo igualado (15-17), o Castelló logrou impor o seu xogo no segundo cuarto, dominando o período por 12-18 e tomando unha lixeira vantaxe ao descanso (27-35).
O terceiro cuarto seguiu unha dinámica similar, coas visitantes mantendo a distancia no marcador (13-15), o que obrigou ao Arxil a reaccionar para tentar remontar no último período.
E tirou de corazón e orgullo o equipo pontevedrés para despedir á súa afección cunha alegría, asinando un parcial de 21-13 que as deixou a tan só dous puntos do empate (61-63).
Raquel Laneiro foi a máxima anotadora do partido con 17 puntos.
Consulta as estatísticas neste enlace