As lesións seguen a castigar o Cisne: Carlos Pombo, K.O.

Pontevedra
30 de xaneiro 2024

Cando a enfermería cisneísta parecía baleirarse case por completo, a excepción do lesionado de longa duración Carlos Ocaña, Jabato perde unha peza importante na súa rotación, o lateral Carlos Pombo, para as próximas semanas

Carlos Pombo, no partido de liga entre Cisne e Dólmenes Antequera no Municipal
Carlos Pombo, no partido de liga entre Cisne e Dólmenes Antequera no Municipal / Cristina Saiz

Nin unha semana sen contratempos para o Club Cisne Balonmán, ao que parece terlle mirado un chosco coas lesións esta tempada.

Cando a súa enfermería parecía baleirarse por completo, coa volta ás canchas de homes importantes como Roney Franzini, Bruno Vázquez ou Alejandro Conde, outra das pezas máis usadas por Jabato na rotación, o lateral Carlos Pombo, caeu para unhas cantas semanas.

O primeira liña caeu lesionado o pasado martes 23 de xaneiro durante un adestramento, causando baixa no encontro da fin de semana fronte ao Novás, e agora o club confirmou o seu diagnóstico e non é especialmente positivo.

Pombo sofre "unha rotura no músculo semimembranoso esquerdo", polo que o seu regreso tardará aínda un tempo en producirse.

O lateral súmase así a unha enfermería na que tamén está o lesionado de longa duración Carlos Ocaña, recentemente operado do seu xeonllo.

Polo menos Jabato poderá contar desde esta semana coa recente incorporación do equipo, o central pontevedrés Víctor Fernández, cedido polo Ademar e que xa se exercita cos seus novos compañeiros apuntando á próxima xornada de liga, coa visita á pista do San Pablo Burgos.