O Barça Atlètic alonga a mala serie do Cisne (22-28)

Pontevedra
10 de febreiro 2024

Un mes leva o Club Cisne Balonmano sen coñecer a vitoria en División Honra Prata. As lesións, sumadas ás imprecisións e os apagamentos ofensivos están a sentencialo xornada tras xornada para caer á oitava praza da clasificación  

Partido entre Cisne e Barça Athlètic no Municipal
Partido entre Cisne e Barça Athlètic no Municipal

Un mes leva o Club Cisne Balonmano sen coñecer a vitoria en División Honra Prata. As lesións, sumadas ás imprecisións e os apagamentos ofensivos están a sentencialo xornada tras xornada para caer á oitava praza da clasificación.

É verdade que este sábado tiña unha tarefa difícil ante todo un Barça Atlètic, pero o partido empezou de forma case perfecta para os de Pontevedra, que, apoiados en Roney Franzini, enchufaban un primeiro parcial de 4-1.

Con todo, o bo arranque viuse embazado cunha primeira exclusión de Álex Conde e outra de Alberto Delgado, esta última especialmente castigada por un Barça que aproveitaba esa superioridade numérica para devolver a igualdade (5-5).

Apagouse nese momento a luz en tarefas ofensivas para ambos os dous conxuntos, que estiveron máis de sete minutos sen romper ese resultado. As defensas apertaron os dentes e Franzini e Filip Saric fixeron o propio baixo paus.

Tim Álex foi o autor do sexto tanto e Oriol Zarzuela do sétimo (5-7), Jabato parou o tempo e Alberto Molina, nunha rápida acción de ataque, volveu meter o seu equipo na pelexa e dar paso aos instantes de máxima igualdade (10-11).

Ao arranque da segunda metade o protagonismo seguiu sendo tanto da zaga como dos gardametas. Franzini, moi acertado baixo paus, mantiña vivo un Cisne que erraba unha e outra vez para portería e que anotaba un solitario gol por medio de Dani Serrano en máis de oito minutos disputados. Mentres, no lado contrario as cousas tampouco ían demasiado ben (11-14).

Detivo o cronómetro Jabato e Furtado reduciu distancias, pero cando parecía que a reacción chegaría, Djordje Cikusa e Óscar Grau puxeron máis terra polo medio (14-19).

Empezábaselle a escapar o partido ao conxunto pontevedrés, que pecaba de precipitación e non atopaba a clave para dobregar a un Barça que a pesar de ser incapaz de sacarlle proveito aos erros, mantiña esa pequena renda de cinco goles que estaba a ser máis que suficiente.

O tempo esgotábase e ao Cisne acabábanselle as ideas. A defensa 5-1 non forneceu o efecto desexado e, cansados de remar, os xogadores brancos baixaron os brazos, dando ás a un equipo catalán que non tivo piedade e sentenciou en 22-28.

Consulta as estatísticas nesta ligazón