Ás voltas co visado de Yanique Gordon

Pontevedra
05 de xaneiro 2016

A pivot xamaicana atópase no seu país e non volverá ata arranxar os papeis do seu visado. No club confían en que os trámites queden solucionadosa este mesmo martes para que poida regresar a Pontevedra e non causar baixa no primeiro partido do ano

Yanique Gordon no partido entre Arxil e Badajoz Diego Torrado

Converteuse case nun clásico de Nadal no Club Baloncesto Arxil nos últimos anos. É chegar o período de descanso do mes de decembro e aparecer problemas burocráticos coas xogadoras estranxeiras do equipo.

Ocorreu en 2014 con Maimouna Diarrá, cuxa contratación terminou retransándose ata verán, ou o pasado ano coa estadounidense Fallon Lewis, que polo mesmo motivo regresou tarde á disciplina do equipo en xaneiro e perdeuse a volta á competición.

Agora a afectada é Yanique Gordon, pivot xamaicana que aproveitando o parón destas datas viaxou ao seu país para solucionar o seu visado permanente. O problema, do mesmo xeito que con Lewis, é o certificado de penais que se lle demanda e que está a tardar máis do previsto.

É por iso que no Arxil temen que a xogadora non chegue a tempo para o primeiro partido do ano, o vindeiro sábado 9 de xaneiro (17:00 horas) na cancha do Araski vasco, un rival directo na zona media-alta da táboa na Liga Feminina 2.

Con todo desde o club verde móstranse confiados en que ao longo do martes Yanique consiga a certificación que falta para emprender a viaxe de regreso a Pontevedra coa esperanza de que iso suceda antes da fin de semana, xa que se trata dunha peza clave nos esquemas de Mayte Méndez.