Atrasado ata xaneiro o inicio das ligas nacionais de tenis de mesa

Pontevedra
18 de setembro 2020

A Real Federación Española de Tenis de Mesa comunicou aos clubs, entre eles o Tenis de Mesa Monte Porreiro, a decisión de fixar a data de inicio das súas ligas para o 9 de xaneiro de 2021

Encontro entre TM Monte Porreiro e o Hispalis
Encontro entre TM Monte Porreiro e o Hispalis / Diego Torrado

As ligas nacionais de tenis de mesa, entre elas a Superdivisión masculina e a División de Honra tanto feminina como masculina na que militan os equipos do Tenis de Mesa Monte Porreiro, non darán comezo ata 2021.

Concretamente farano, se nada o impide, o 9 de xaneiro de 2021, segundo comunicou aos clubs implicados a Real Federación Española de Tenis de Mesa (RFETM).

O organismo federativo acóllese desta maneira á segunda versión do calendario nacional que aprobara o pasado mes de agosto, atrasando o inicio das súas ligas máis importantes.

"As ligas desenvolveranse en base ao protocolo de actuación para a volta de competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional", explica a  RFETM na circular que fixo chegar aos clubs. Ademais deixa aberta a posibilidade de cambiar o formato da competición, ao asegurar que "as ligas darán comezo ben en formato de liga regular, a dobre volta, ou se desenvolverán en fase de concentración permanente en varias fins de semana e na sede ou sedes que determine a RFETM".

Na circular a federación confirma tamén que se acordou eximir aos clubs da a cota de inscrición nas ligas, como medida de axuda para paliar os efectos da pandemia a nivel económico.

En todo caso isto non supón que a actividade non comece antes para o Tenis de Mesa Monte Porreiro, xa que os plans da Federación Galega pasa por poder retomar as competicións autonómicas ao longo do mes de outubro.

Pese ao atraso das ligas nacionais, a intención do club pontevedrés segue sendo poder iniciar os adestramentos canto antes, unha vez poida solucionar o problema actual coa dispoñibilidade do pavillón de Príncipe Felipe.