Avanzan na organización da III Ruta BTTroita

Ponte Caldelas
10 de febreiro 2016

A proba de ciclismo de montaña, que serve de anticipo á Festa da Troita de Ponte Caldelas, celebrarase o domingo 8 de maio cun percorrido de 39 quilómetros e máis de 1.000 metros de desnivel

Segunda edición da Ruta BTTroita Concello de Ponte Caldelas

A Ruta BTTroita de ciclismo de montaña terá continuidade en 2016 coa súa terceira edición, fixada para o domingo 8 de maio.

Así o anunciaron o goberno local de Ponte Caldelas e responsables da empresa organizadora Global DxT tras unha reunión na que se empezaron a adiantar detalles organizativos dun evento que o pasado ano congregou a preto de medio milleiro de deportistas.

Serán un total de 39 quilómetros de percorrido e máis de 1.000 metros de desnivel acumulado nun circuíto que será acondicionado semanas antes da proba.

Preténdese, segundo sinalaron desde o goberno local, adaptar o circuíto ás suxestións realizadas polos participantes durante a pasada edición. Por iso, ademais da limpeza de pistas e sinalización, realizarase un levantamento topográfico dos tramos polos que discorrerá o evento, non competitivo.

A III Ruta BTTroita, que servirá de aperitivo da L Festa da Troita de Ponte Caldelas, abrirá inscricións o vindeiro martes 1 de marzo.