Volve a competición na Liga Feminina 2 para o Club Baloncesto Arxil e faino cunha esixente saída, ao ter que visitar este domingo (12.00 horas) a pista do actual cuarto clasificado, o Adareva tinerfeño.
As pontevedresas deberán ademais sobrepoñerse a unha baixa inesperada, ao localizarse un caso de coronavirus nas súas filas.
O positivo, detectado primeiro con antíxenos e confirmado despois mediante PCR, non tivo polo momento máis repercusión no plantel verde, que se someteu aos controis establecidos nos protocolos tanto sanitario como a Federación Española de Baloncesto.
Así pois esta será a segunda baixa coa que contará Mayte Méndez para o choque, tras confirmase a grave lesión de xeonllo da base Carla Fernández, que non volverá xogar esta tempada.
O Arxil, líder con 11 vitorias e 1 derrota ata a data (o Adareva leva un balance de 9-2), buscará en Canarias prolongar o seu bo momento para abrir distancia cun rival directo na pelexa por xogar o play-off de ascenso.