Bea Gómez busca a clasificación olímpica en Sabadell sen marxe para o erro

Pontevedra
16 de marzo 2016

No Campionato de España Open, que se disputa do 19 ao 22 de marzo en Sabadell, a pontevedresa debe referendar a mínima olímpica nas dúas probas que participa e ser unha das dúas primeiras nadadoras nacionais para lograr o billete a Río 2016. O Galaico despraza á cita a outros cinco nadadores

Bea Gómez durante un adestramento en Pontemuiños
Bea Gómez durante un adestramento en Pontemuiños / Diego Torrado

É a hora da verdade. Despois de case catro anos de adestramentos Bea Gómez Cortés xógase en dous días, sen marxe para o erro, a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de Río 2016.

Despois dun ano complicado, tras a operación á que se someteu para solucionar unha anomalía cardíaca, a pontevedresa quere deixar atrás os problemas para repetir presenza olímpica. Para iso no Campionato de España Open, que se disputa de 19 ao 22 de marzo en Sabadell, Bea debe ratificar a marca mínima esixida pola Federación Española e tamén ser unha das dúas nadadoras nacionais, xa que o equipo nacional só pode levar a Río a dous deportistas por proba. 

As dores de cabeza que sufriu durante os últimos meses fixérona renunciar aos 800 libre, unha das súas mellores probas, para centrarse nos estilos, pero a competencia prevese moi dura.

Ninguén discute o poderío de Mireia Belmonte, clara favorita a ocupar unha das prazas para os Xogos. A pelexa está pola segunda, tanto nos 400 como nos 200 metros estilos.

Bea debutará en Sabadell o domingo nos 400 estilos (10:00 horas as eliminatorias e 17:30 a final), onde tamén contan con opcións María Vilas, Catalina Corró ou África Zamorano. Competencia de nivel que obrigará a estar ao 100% á pontevedresa na proba na que máis confianza ten. O luns pola súa banda (10:15 e 17:42 horas) será a quenda dos 200 estilos, distancia na que tamén están inscritas Catalina Corró e África Zamorano.

O NATACIÓN GALAICO DESPRAZA OUTROS CINCO DEPORTISTAS

Non será Bea Gómez a única pontevedresa no Campionato de España Open, xa que o Galaico despraza á cita a outros cinco nadadores: Paula Goyanes (200 e 400 estilos, 200 bolboreta e 400 e 1.500 libre), Águeda Cons (400, 800, 1.500 libre e 400 estilos), Lara Gómez Cortés (200 bolboreta e 1.500 libre), Cristian Fernández (800 libre) e Daniel Sánchez (50, 100 e 200 costas).