Bea Gómez, fóra da final dos 800 libre na súa estrea no Mundial de Kazan

Pontevedra
07 de agosto 2015

A nadadora pontevedresa parou o crono en 8:41.73 case calcando o tempo co que foi bronce no pasado Campionato de España, pero quedou lonxe da súa mellor marca na distancia. O domingo, segunda oportunidade nos 400 estilos

Bea Gómez nun adestramento en Rías do Sur Diego Torrado

Lonxe da final quedou Bea Gómez Cortés no seu debut no Campionato do Mundo de Natación, que se está a disputar na localidade rusa de Kazan.

A nadadora pontevedresa estreouse na competición nos 800 libre, sendo novena da súa serie cun tempo de 8:41.72, case idéntico ao que lle valeu o bronce no recente Campionato de España.

Bea, que segue progresando tras a súa operación, non puido achegarse ás súas mellores marcas na distancia nunha serie eliminatoria na que o mellor tempo foi o da australiana Ashwood (8:22.12). No total de series, a deportista do Galaico foi vixésimo segunda.

Sen opción de final nos 800 libre, a segunda oportunidade para Gómez Cortés chegará o próximo domingo, último día do campionato, nos 400 estilos.

As eliminatorias nesta proba desenvolveranse a partir das 8:30 horas da mañá, mentres a final está fixada para as 17:49 horas.