Primeiro test de pretempada superado para o Arosa e con nota, tras empatar a dous goles na Lomba ante un equipo de Segunda B como o Coruxo adestrado por Rafa Sáez.
O conxunto arlequinado probou dous equipos diferentes, un en cada tempo, no que os afeccionados puideron observar as evolucións da maioría das fichaxes para esta tempada.
Un deles, o canterano Hugo Soto que vestía a camisola do Arosa cinco anos despois, estreou o marcador adiantando aos de Pisicis, renda que foi neutralizada por Lamas ao rematar ao fondo da rede un bo centro dende a banda esquerda.
Non acusou o golpe o equipo vilagarcián, que de novo se poñería en vantaxe tras unha cabezada de Fernando Santaló nunha falta sacada por Alberto Cabanyes.
Con 2-1 chegouse ao descanso, pero o Arosa non logrou conservar a vantaxe nunha segunda metade na que o Coruxo foi mellor e empatou por medio de Antúnez.