Positiva estrea do novo proxecto deportivo do Club Cisne Balonmán.
A pesar de levar apenas unha semana de adestramentos, o equipo pontevedrés deixou unha boa imaxe no seu primeiro encontro de pretempada, e non era un partido calquera senón o seu primeiro Torneo Internacional Interpontes.
Os de Quiños medíanse nunha das semifinais a todo un equipo 'Champions', o campión romanés Dinamo de Bucarest, no duelo que abría a xornada.
O certo é que non parecía o primeiro partido de pretempada, sobre todo polo ambiente dun Pavillón Municipal ansioso de ver bo balonmán.
O Cisne saíu disposto a plantar cara e conseguiuno nunha primeira metade na que comezou levando a iniciativa e na que non se desconectou cando o Dinamo apertou. O resultado foi un 11-11 ao intermedio que deixaba todo por decidir para o segundo acto.
Tras o paso por vestiarios, os de Bucarest subiron unha marcha abrindo rápido unha renda ao seu favor que despois xestionou con acerto ante o maior cansazo dos locais.
O resultado final de 19-29 clasifica o Dinamo para a final do Torneo Internacional Interpontes prevista para este mesmo venres ás 21.30 horas. Antes, desde as 19.30 horas o Cisne xogará polo terceiro e cuarto posto.
Finalizado este encontro disputouse o segundo da xornada que medía ao Cangas contra o Sporting de Portugal, con vitoria portuguesa por 28-35.