Boas sensacións para Javier González antes de afrontar o Europeo Junior de taekwondo

Pontevedra
16 de outubro 2017

O deportista pontevedrés do Mace Sport participou no Open de Serbia, de categoría G-1. A pesar de que quedou eliminado nos cuartos de final, a experiencia foi positiva de fronte ao inminente Campionato de Europa da categoría que se celebrará en Chipre

Javier González e Miguel Cortegoso, nunha imaxe de arquivo Mace Sport

Non puido regresar de Belgrado cunha medalla ao pescozo, pero as sensacións que deixou na competición foron positivas pensando no gran obxectivo da tempada, o Campionato de Europa Junior de Taekwondo.

Javier González participou no Open de Serbia, campionato de máximo nivel ao ser de categoría G-1, e avanzou con contundencia ata os cuartos de final, onde cedeu nun paretado combate.

O deportista pontevedrés demostrou estar en condicións de acudir o Europeo con opcións de avanzar no cadro da competición, á que acudirá coa ambiciosa meta de meterse na pelexa polas medallas.

En Serbia González superou en primeira rolda ao búlgaro Marian Rachev por 27-7, mentres no seu segundo enfrontamento venceu por 24-4 ao croata Denis Bakunic. Foi no seu terceiro combate, o de cuartos de final, no que cedeu de maneira axustada ante o grego Anargyros Sofotasios (24-21).

O Campionato de Europa Junior de Taekwondo, para o que está clasificado Javier González, disputarase a principios do mes de novembro en Chipre.

BRONCES PARA KATYA CALVAR E PABLO FERNÁNDEZ

Na categoría senior si conseguiron subir ao podio os marinenses Pablo Fernández e Katya Calvar (Mat's).

Pablo superou ao serbio Danilo Vukelic por 7-9, pero non puido gañar a semifinal ante o croata Vedran Golec (12-2). Pola súa banda Katya gañou á croata Andrea Besic (0-9), á rusa Daria Adamiak (3-10) e á italiana Natalia D´Angelo, pero na semifinal cedeu ante a checa Iveta Jirankova (7-2).