Bronce! Águeda Cons logra no 800 libre a súa primeira medalla no Mundial Junior de natación

Pontevedra
25 de agosto 2017

A nadadora pontevedresa derrubou unha nova murralla para alzar a súa primeira medalla mundialista rebaixando a mellor marca nacional de 17 anos cun tempo de 8:30.65, a só dúas décimas da prata. Águeda aínda pode ampliar o seu palmarés en Indianápolis ao estar inscrita noutras dúas probas

Águeda Cons, coa medalla de bronce acadada no 800 libre do Mundial de Indianápolis
Águeda Cons, coa medalla de bronce acadada no 800 libre do Mundial de Indianápolis

Primeiro foi medallista nacional en categoría absoluta, despois conseguiu tres medallas de prata no Europeo junior e agora Águeda Cons derrubou unha nova barreira ao lograr o seu primer podio mundialista no Campionato do Mundo Junior que se está disputando estes días en Indianápolis (EEUU).

A nadadora do Galaico fíxose coa medalla de bronce no 800 libre, a primeira proba individual que disputaba tras o sexto posto conseguido na remuda 4x200, e quedou a só dúas décimas da prata.

Águeda parou o crono nun tempo de 8:30.85, mellor marca nacional de 17 anos, nunha emocionante pugna coa rusa Anastasiia Kirpichnikove (8:31.12) que foi cuarta e coa húngara Ajna Kesely (8:30.62), que se fixo coa prata. A primeira posición foi para a arxentina Delfina Pignatiello (8:25.22).

Esta marca supón rebaixar en máis de 4 segundos o rexistro que lle valeu recentemente a medalla de prata europea (8:35.18), nunha cita na que a campioa foi precisamente Ajna Kesely, prata en Indianápolis, nadando entón en 8:31.81.

Trátase da súa primeira medalla na competición pero a deportista pontevedresa ten aínda opcións de ampliar a súa palmarés nas outras dúas distancias nas que está inscrita, o 400 e o 1.500 libre.