O Campo Lameiro volverá camiñar pola Fundación Andrea na súa V Andaina Solidaria

O Campo Lameiro
15 de xullo 2026

O Concello presentou este martes a proba deportiva solidaria que contará con tres percorridos de 8, 15 e 24 quilómetros e que destinará cinco euros de cada inscrición á Fundación Andrea

Presentación da V Andaina Solidaria do Campo Lameiro Concello de O Campo Lameiro

O Campo Lameiro celebrará o próximo 20 de setembro a quinta edición da súa Andaina Solidaria, unha proba deportiva non competitiva organizada polo Concello e o Campo Lameiro CD que ten como principal obxectivo recadar fondos para a Fundación Andrea.

Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, o goberno local colabora con esta entidade que ten como principal propósito axudar ás familias con nenos e nenas que padecen enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. Dos trece euros que costa cada inscrición, cinco destinaranse á fundación.

Coa intención de facer a proba accesible a persoas de distintas condicións físicas e niveis de experiencia en sendeirismo, esta edición contará con tres percorridos de diferente dificultade e distancia (8, 15 e 24 quilómetros).

Desde a organización apuntan que se habilitarán un total de 800 prazas, polo que recomendan á xente que queira participar que formalice a súa inscrición con antelación suficiente á data límite fixada para o 6 de setembro.

Estas inscricións pódense realizar a través da plataforma Spormaniacs e o enlace para acceder á súa páxina web tamén se atopa dispoñible no cartel oficial da actividade mediante código QR.

Todas las persoas participantes recibirán unha camiseta conmemorativa desta quinta edición da Andaina Solidaria.

Ademais, desde o Concello explican que ao terminar a proba haberá un espazo de lecer e convivencia con petiscos e sorteos de agasallos por parte das empresas e establecementos colaboradores.

Durante a presentación do evento interveu o alcalde do Campo Lameiro, Carlos Costa, que destacou o carácter deportivo, social e solidario desta quinta edición así como a súa contribución á promoción dos hábitos de vida saudables.

Desde a organización tamén agradecen a colaboración das institucións como a Xunta de Galicia, Deporte Galego e Deputación de Pontevedra.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora