Carla Fernández, renovación co Team Farto e convocatoria para o Europeo de Ciclocrós

Pontevedra
02 de novembro 2021

A ciclista viguesa do equipo pontevedrés, a pesar de estar centrada na tempada na estrada, está a destacar este outono co seu rendemento no ciclocrós, o que lle valeu ser convocada pola Selección Española para competir no Europeo da especialidade

Carla Fernández, no Campionato de España de Ciclocrós 2019 en Pontevedra Diego Torrado

O Team Farto-BTC recibiu nas últimas horas unha gran noticia coa convocatorias dunha das súas ciclistas por parte da Selección Española de Ciclocrós.

Aínda que o seu obxectivo central é destacar sobre o asfalto, a viguesa Carla Fernández está a destacar este outono no calendario autonómico e nacional desta especialidade, o que non pasou desapercibido para o seleccionador nacional, Pascual Momparler, que a incluíu na lista de deportistas que competirán por España no Campionato de Europa.

Do mesmo xeito que os representantes do Froiz citados, Fernández desprazarase esta semana ata os Países Baixos para tomar parte nun Europeo que se celebrará os días 6 e 7 de novembro en Col du Vam, en Drenthe. No seu caso tomará parte na proba sub-23 feminina.

A ciclista do Farto afronta a cita continental "con ganas de vivir unha bonita experiencia e seguir enfocándome na tempada de estrada".

Actual campioa galega contrarreloxo sub-23, Carla Fernández renovou unha tempada máis co equipo pontevedrés tras un intenso ano de debut da estrutura como equipo UCI Continental, co que chegou a participar en 11 xornadas de competición profesional.