Carla Goyanes ou a ilusión de competir nun Mundial

Pontevedra
24 de xullo 2018

A deportista do Galaico, flamante subcampioa europea júnior de natación en augas abertas, pensa xa no Campionato do Mundo da especialidade no que participará en setembro. Este luns recibiu a felicitación do alcalde e a concelleira de Deportes

Recepción a Carla Goyanes no Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Aínda non llo cre de todo, pero Carla Goyanes empeza a pensar nos novos retos que se lle presentan tras o seu flamante subcampionato europeo júnior de natación en augas abertas.

A deportista do Club Natación Galaico recibiu este luns a felicitación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, a quen explicou cara a onde camiña o seu futuro próximo.

"Nunca me esperé quedar bien en el Campeonato de Europa, fue un gran choque para mí y ahora lo afronto (el Mundial) con mucha más ilusión y con más ganas", explicou a xoven nadadora.

O seu gran resultado abriulle as portas do Campionato do Mundo Júnior que se disputará en setembro en Israel, cita que "me hace mucha ilusión", asegura, e para a que terá que adestrar duro durante todo o verán.

Despois chegará o momento de pensar no futuro, tanto nas augas abertas como na piscina, modalidades que seguirá compaxinando por agora aínda que "a mí me gustan más las aguas abiertas, es más entretenido", recoñece. Se se teñen en conta os seus últimos resultados, non é de estrañar.