Carlos Álvarez e Daniel Virulegio 'soben' á Selección Española Júnior e Marko Ojeda estréase coa Xuvenil

Pontevedra
14 de outubro 2021

O Club Cisne Balonmán está de parabén, e é que tres dos seus xogadores foron citados na primeira convocatoria do novo ciclo das seleccións nacionais de categorías inferiores

Carlos Álvarez, coa Selección Española Xuvenil no Campionato de Europa sub-19 de Croacia
Carlos Álvarez, coa Selección Española Xuvenil no Campionato de Europa sub-19 de Croacia / European Handball Federation

O Club Cisne Balonmán está de parabén, e é que tres dos seus xogadores foron citados na primeira convocatoria do novo ciclo das seleccións nacionais de categorías inferiores.

Dous deles, o extremo Carlos Álvarez e o pivote Daniel Virulegio, ascenderon á Selección Española Júnior tras finalizar a súa etapa xuvenil, na que foron claves no histórico título nacional do seu equipo e no que tamén conseguiron a medalla de bronce no Europeo da categoría celebrada en Croacia.

Agora ambos os dous figuran na lista de 17 xogadores que este mércores fixo pública o seleccionador dos Hispanos Júnior, Rodrigo Reñones, para unha concentración de adestramento que se desenvolverá do 1 ao 7 de novembro en Alcalá de Henares.

Por outra banda o técnico do primeiro equipo cisneísta, Jabato, seleccionador español xuvenil, ofreceu tamén a súa primeira lista no novo ciclo confiando nun xogador do club pontevedrés como é o lateral dereito Marko Ojeda.

No seu caso os xogadores convocados están citados o 1 de novembro en Ciudad Real, onde comezarán a traballar para preparar este Torneo Scandibérico que terá o seu inicio o 4 de novembro con partidos ante Suecia, Portugal e Noruega.