Por segundo ano consecutivo Carlos Álvarez formará parte do 'All Star Team' da Liga Asobal.
O xogador pontevedrés do Ademar de León foi escollido de novo como mellor extremo dereito do campionato nacional, tras a votación aberta nas últimas semanas.
Conseguiuno en "preciosa batalla con Pablo Urdangarín", recoñece Asobal.
En concreto Carlos Álvarez logrou o 38,29% dos votos recibidos.
Ademais de Pablo Urdangarín (Granollers), optaban ao recoñecemento Pancho Ahumada (BM Nava), Iñaki Cavero (Bidasoa), e Rudolph Hackbarth (Ciudad Encantada).
Cabe destacar que a falta de dúas xornadas para o final da liga, o canteirán do Club Cisne pelexa tamén por revalidar o seu título de máximo goleador. Acumula ata a data 162 tantos sendo segundo nesta estatística, moi preto de Antonio García (166 goles).
Completan o equipo ideal da máxima categoría do balonmán español o porteiro Emil Nielsen (FC Barcelona), o extremo esquerdo Ángel Fernández (BM Torrelavega), o lateral esquerdo Antonio García (Granollers), o central Gorka Nieto (Bidasoa), o lateral dereito Dika Mem (FC Barcelona) e o pivote Víctor Romero (Granollers).
O ex adestrador cisneísta Javier Márquez (Villa de Aranda), Oriol Rey (Granollers) como mellor defensor e Pau Guitart (Villa de Aranda) como xogador revelación tamén foron recoñecidos.
A Gala Asobal 2025, na que se entregarán os premios aos mellores da tempada, celebrarase o próximo 2 de xuño en Madrid.