Carolina Bravo, baixa durante un mes no Poio Pescamar tras ser operada de apendicite

Poio
30 de novembro 2025
Actualizado: 14:06

A xogadora conserveira estará de baixa o que resta de ano e perderá os partidos fronte ao líder Melilla Torreblanca (13 de decembro) e contra o Futsi Navalcarnero en Copa e Liga (17 e 20 de decembro)

Partido entre Poio Pescamar e Chiloeches na Seca

A xogadora do Poio Pescamar, Carolina Bravo, estará aproximadamente un mes de baixa tras ser operada de apendicite o pasado xoves 27 de novembro.

Segundo indicou o club, a canaria comezou a sentir unha forte dor abdominal que motivou o seu ingreso e posterior intervención cirúrxica, o que lle impediu participar no amistoso fronte ao Burela.

Esta ausencia suporá un duro revés para o equipo vermello, que perderá a unha das súas pezas chave o que resta de ano.

Desta forma, Bravo perderá dous dos compromisos máis exixentes da tempada na liga: o enfrontamento a domicilio ante o líder Melilla Torreblanca, previsto para o 13 de decembro, así como o duelo en casa contra o Futsi Navalcarnero o 20 de decembro.

Ademais tampouco estará na Copa da Raíña no duelo contra o mesmo Futsi (17 de decembro) no que estará en xogo o pase a fase final do torneo.

Mentres tanto, o Poio Pescamar segue pendente da Selección Feminina de fútbol sala.

España continúa a súa andaina no Mundial tras pechar a fase de grupos cunha contundente goleada ante Canadá (7-0).

O combinado nacional, con catro futbolistas conserveiras, xogará os cuartos de final o vindeiro luns , 1 de decembro a partir das 13:30 horas, ante Marrocos, segunda clasificada do grupo A por detrás de Arxentina.