Carolina García repite clasificación internacional no segundo día de 'Trials Olímpicos', esta vez no K-2 500

Pontevedra
13 de abril 2023

A piragüista pontevedresa pechou este xoves a súa clasificación para a Copa do Mundo de Szeged na modalidade de K-2 500, formando equipo coa asturiana Sara Ouzande

Carolina García e Sara Ouzande, no Selectivo ou 'Trials Olímpicos' de Trasona Real Federación Española de Piragüismo

Segundo día de competición este xoves no encoro asturiano de Trasona co selectivo de augas tranquilas ou 'Trials Olímpicos', como os bautizou a Real Federación Española de Piragüismo ao ser unha cita clasificatoria para as próximas competicións internacionais e primeiro paso cara aos Xogos de París 2024.

Se na primeira xornada unha das grandes noticias para o piragüismo pontevedrés chegou coa vitoria e clasificación internacional do K-4 feminino, unha das súas integrantes, a pontevedresa Carolina García repetiu éxito nas embarcacións dobres.

Carolina e a súa parella, a asturiana Sara Ouzande, dominaron o K-2 500 metros parando o crono nun tempo de 1:51.001 e clasificándose para a Copa do Mundo de Szeged.

Segundas nesa proba foron Laia Pelachs e Begoña Lazcano (1:51.431) e no terceiro lugar finalizou Teresa Portela facendo equipo con Estefanía Fernández (1:52.124).

Na outra final da mañá o cangués Rodrigo Germade e o balear Marcus Cooper, campións do mundo en 2021, impuxéronse no K-2 500 masculino.

Este xoves tamén entraron en competicón outros representantes da armada pontevedresa, destacando a actuación de Antía Jácome vencendo na súa semifinal do C-1 200 metros e de Marín Jácome e Jaime Duro facendo o propio nas semifinais do C-1 1.000 metros.