O selectivo nacional para a Copa do Mundo que se celebrará no mes de maio en Hungría pechouse este venres en Asturias con novos bos resultados para o piragüismo pontevedrés.
Se na primeira xornada de mércores foi o dúo formado por Fontán e Graña, así como o barco de Antía Jácome, Antía Otero e o K4 do que forman parte Teresa Portela e Carolina García os que conseguiron praza para a cita internacional, este venres fixeron o propio no C1 os pontevedreses Pablo Crespo e Antía Jácome. Sen esquecer que na xornada do xoves o K2 de Carolina García selou tamén o seu pase para o decisivo test de Szeged,
Á primeira hora deste venres tivo lugar no encoro de Trasona, a disputa das finais do C1-500 feminino e do C1-1000 masculino no que era numerosa a participación de padeeiras lerezanos.
No cadro masculino, o piragüista do Ciudad de Pontevedra Pablo Crespo fíxose co triunfo nunha disputada regata na que cruzou a meta en primeira posición con máis dun segundo de vantaxe sobre o canoísta do Breogán do Grove David Barreiro, tamén clasificado para a cita húngara.
A pesar de dominar a súa semifinal, o terceiro posto de Martín Jácome é insuficiente para clasificarse para a Copa do Mundo, así como o quinto, sexto e sétimo posto marcado polos irmáns Diego e Noel Domínguez e Jaime Duro.
No cadro feminino, Antía Jácome volveu demostrar que é a dominadora da canoa nacional cun novo triunfo, esta vez no barco individual na distancia de 500 metros. Seguiuna a súa compañeira no C2 María Corbera para certificar a súa clasificación para a Copa do Mundo. En terceira posición, quedou a pontevedrésa Claudia Couto e Valeria Oliveira foi quinta.
A actividade no encoro asturiano continuará esta fin de semana coa celebración da Copa de España na que o piragüismo pontevedrés tratará de seguir demostrando o seu dominio nacional.