Charles, mellor xogador do mes no Pontevedra: "Agora son o xogador de área que sempre fun, e nótase"

Pontevedra
13 de outubro 2021

O dianteiro brasileiro recibiu este mércores o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador granate do mes de setembro, e aproveitou a ocasión para valorar a actualidade do equipo. "O domingo viuse o equipo que queremos ser", recoñece en relación ao triunfo en Luanco  

Charles recibe o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do Pontevedra CF durante o mes de setembro
Charles recibe o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do Pontevedra CF durante o mes de setembro / PontevedraViva

O Estadio Municipal de Pasarón foi escenario este mércores da entrega do Premio Estrella Galicia ao mellor futbolista do Pontevedra durante o mes de setembro, galardón que se levou por votación popular Charles.

O dianteiro brasileiro aproveitou a ocasión para repasar a actualidade do equipo, sinalando tras a vitoria en Luanco que "o domingo se viu o equipo que queremos ser".

Charles asegura que "cambiaría polos puntos" o seu bo arranque de liga a nivel individual (5 goles en 6 xornadas), pero móstrase convencido de que atoparon "a liña para seguir tanto miña como do equipo. Oxalá que esta vitoria sexa un punto de inflexión de todos para que consigamos ir para arriba".

Pese ao irregular inicio de curso o 18 granate vese "ben, estou feliz e o equipo está a acompañar. Non estabamos a gañar pero vía que o equipo estaba ben", e destaca o nivel da categoría ao sinalar que "os equipos son moi parellos", polo que "temos que estar bastante ben para non  comenter os erros que nos estaban penalizando". 

A nivel individual o ariete do Pontevedra atópase este curso moito máis cómodo coa súa posición no terreo de xogo. "Eu agora son o xogador de área que sempre fun, e nótase. Estou máis preto do gol, o meu perigo é na área, estou a xogar a gusto na miña posición", recoñeceu.

Superada a laxa que supoñía non gañar, ao equipo quédalle aínda unha materia pendente, gañar e convencer en Pasarón, e para iso teñen a súa primeira opción o vindeiro sábado (19.00 horas) ante a UD Llanera, nunha xornada que ademais será especial por ser o 80 aniversario da entidade. "É un día redondo para todos, e oxalá podamos ao final estar todos felices e dando ese agasallo a todos". Palabra de Charles.