Cidade do Cabo, debut de Pablo Dapena nas Series Mundiais de Tríatlon

Pontevedra
23 de abril 2015

Dapena, que entrou a última hora na lista de participantes, converterase este domingo en Sudáfrica no primeiro pontevedrés en debutar na máxima categoría do triatlón mundial

Pablo Dapena en Cidade do Cabo Pablo Dapena

Non entraba nas súas previsións. Tras a súa participación na Copa do Mundo de New Plymouth (Nova Zelandia), na que rematou décimo quinto, Pablo Dapena entrou nunha fase da tempada centrada na súa preparación para asaltar outros retos de altura coa chegada do mes de maio.

Esa preparación, dentro do grupo de adestramento de Javier Gómez Noya, levouno a Sudáfrica acompañando o campión galego. O que non esperaba o Dapena é que no país que viu nacer a Nelson Mandela se convertería no primeiro pontevedrés en participar nas Series Mundiais de Tríatlon.

A última hora, e debido ás baixas de varios deportistas, Pablo Dapena entrou na lista oficial de participantes das Series Mundiais de Cidade do Cabo, que se disputan este domingo 26 de abril (14:55 horas en España).

Fíxoo na última praza das 70 habilitadas para a categoría elite collendo por sorpresa ao propio triatleta, que mostrou a súa alegría a través da súa conta de Twitter.

 

Cidade do Cabo será ademais unha boa oportunidade para que Javier Gómez Noya asalte o liderado do Mundial, toda vez que Jonathan Brownlee, actual líder, é unha das ausencias destacadas para unha carreira na que o seu irmán Alistair volverá á competición.

Entre o resto de inscritos tamén encóntrase Fernando Alarza, atleta afincado en Pontevedra para adestrar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.