O Club Cisne Balonmano xa coñece o calendario que lle espera a tempada 2025-2026, na que volverá competir na División de Honra Prata.
A Real Federación Española de Balonmán celebrou este venres o sorteo da competición, asignando un número a cada un dos 16 equipos para definir a secuencia de encontros ao longo do curso.
Así, a segunda categoría nacional masculina arrincará o 14 de setembro, data na que o conxunto pontevedrés debutará na casa, no Pavillón Municipal dos Deportes, fronte ao recentemente ascendido Attica 21 Hotels OAR Coruña.
O segundo partido do Cisne será en Sevilla fronte ao BM Proín.
Consulta aquí o calendario completo da División de Honra Prata Masculina 25-26.
DÚAS BAIXAS E UNHA FICHAXE
O club cisneísta anunciou este venres que Román Arboleya e André de Moura, dous dos seus principais xogadores, non formarán parte do equipo de cara á próxima tempada.
O canteirán e o hispano-portugués únense ás saídas de Gualther Furtado e os xogadores da casa, como son Mateo Arias, o seu capitán Javi Vázquez 'Javiva' e Bruno Vázquez, que tampouco continuarán na entidade branca.
Pola súa banda, o Cisne anunciou a chegada de Yago López, extremo esquerdo procedente do AD Carballal que se converte na cuarta fichaxe para a nova campaña.
O xogador achegará "talento e mocidade" a un plantel no que estarán o tamén ex do Carballal Álex López, o portugués João Ferreira e o brasileiro Guilherme Linhares.
A esta lista súmanse as renovacións de Abián Rodríguez, Roney Franzini e Iván Calvo.