O Cisne dá a sorpresa e imponse ao Porto Sagunto

Pontevedra
21 de febreiro 2026
Actualizado: 22 de febreiro

O cadro cisneísta encamiñou o partido no primeiro tempo e tirou de oficio para gañar ao terceiro clasificado (21-19). Bruno Landim foi protagonista con sete goles na súa conta particular

Partido entre Cisne e Blendio Sinfín Santander no Municipal

A gran sorpresa da xornada na División de Honra Prata protagonizouna o Cisne, que se impuxo ao Porto Sagunto nun partido que os pontevedreses dominaron de inicio a fin.

Os de Marcos Quiños, que viñan de perder a xornada pasada na cancha do Anaitasuna, repuxéronse ao grande no Pavillón Municipal cunha vitoria ante o terceiro clasificado (21-19).

O conxunto cisneísta foi por diante no marcador en todo momento desde o 4-3 anotado no minuto 8.

E é que co 3-3 comezou a exhibición dun Bruno Landim que anotou un terzo dos goles do seu equipo (7 tantos). O reciénte fichaxe do Cisne logrou, coa axuda de Iago Costas e Martín Santos, un parcial de 6-0 que lles permitiu porse 8-3 superado o primeiro cuarto de hora.

A renda foi manexada á perfección e o conxunto dirixido por Quiños chegou ao descanso catro goles por enriba co resultado de 13-9.

Diego Mora irrompeu no comezo do segundo tempo con tres tantos consecutivos que neutralizaron o intento do Porto Sagunto de achegarse no marcador. Con todo, o técnico do cadro local tivo que pedir tempo morto a un cuarto de hora do final por un parcial de 0-3 para os visitantes (18-16).

Os goles de Landim no tramo final axudaron a manter esta vantaxe que foi definitiva até o final do partido. Unha gran actuación no plano defensivo neutralizou por completo ao conxunto valenciano. que o tentou en balde.

Defendeu ben o Cisne o último minuto e os puntos quedaron en Pontevedra co definitivo 21-19. Gran partido do cadro lerezano, que se mantén fóra dos postos de descenso.

A próxima xornada, os de Quiños repetirán como locais para recibir ao segundo clasificado, o Alacante.

Consulta a acta neste enlace