Cita para os afeccionados ao motor coa XX edición da Subida Cidade de Pontevedra

Pontevedra
20 de xuño 2017

A popular proba automobilística, puntuable para o Campionato Galego de Montaña, disputarase os días 24 e 25 de xuño no seu percorrido habitual en Marcón, ata o polígono do Campiño. O parque pechado estará instalado un ano máis na céntrica Praza de España

Jesús Pombo, na XIX Subida Cidade de Pontevedra Diego Torrado

Vinte anos non se cumpren todos os días, por iso a Subida Cidade de Pontevedra pretende converter a súa XX edición en toda unha festa do motor.

A popular proba, puntuable para o Campionato Galego de Montaña, disputarase o sábado 24 e o domingo 25 de xuño no seu percorrido habitual, na estrada que une Pintos (Marcón) ata o polígono instrial do Campiño.

Unha das poucas variacións será a meta, instalada precisamente no Campiño en lugar da Reigosa, como os dous anos anteriores, cun percorrido de 3.110 metros de lonxitude.

A Escudería Cidade de Pontevedra reforzará a seguridade da proba con comisarios repartidos ao longo do tramo, pero fai un chamamento ao público para "que faga caso aos comisarios de ruta e se poña en sitios altos", pediu o seu presidente, Florentino Leiro.

Para celerbrar os seus 20 anos de vida, a proba automobilística contará coa presenza do pontevedrés Martín Tilve, piloto especialista en drift, "que dará un pouco de espectáculo".

A XX Subida Cidade de Pontevedra arrincará o sábado 24 ás 16:00 horas co primeiro adestramento oficial, tras o que se completarán as dúas primeiras mangas de competición. O domingo, a actividade retomarase ás 9:30 horas con outra pasada de adestramentos antes das dúas mangas finais da Subida.

As verificacións previas desenvolveranse no peirao das Corbaceiras, mentres o parque pechado cos preto de 60 vehículos participantes estará instalado un ano máis na céntrica Praza de España.

Entre os grandes favoritos, o actual campión galego Alexis Viéitez quere facer valer a súa condición de local para lograr a que sería a súa terceira vitoria consecutiva en Pontevedra. "Es la de casa y es especial, además llevamos dos años seguidos ganándola y vamos a ver si conseguimos el tercero", sinalou o piloto na presentación da Subida celebrada este martes no Concello de Pontevedra coa presenza tamén da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.