A canteira da Escola Hungaresa de Pontevedra demostrou estar en plena forma cos seus resultados no Criterium Nacional de Esgrima 2019 para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín celebrado na localidade madrileña de Leganés.
O club pontevedrés desprazouse á cita cunha participación de récord, con once deportistas, conseguindo ata oito medallas, tres de ouro e outras cinco de prata.
No sabre masculino alevín do ano 2007, Gabriel Covelo e Xián Alonso clasificáronse para a final, tras completar unha notable fase de grupos, pero ambos os dous perderon nos seus respectivos encontros, conformándose coa medalla de prata.
No sabre masculino alevín do ano 2008, Pedro Casal finalizou a proba na 16ª posición, mentres que Brais Vázquez pasou a fase de grupos e perdeu na final por 10 tocados a 6, obtendo a medalla de prata.
En canto á categoría alevín feminina Ángela Nogueira, campioa na categoría benxamín o ano anterior, repetiu título, vencendo na gran final por 10 tocados a 4.
Álvaro Rodríguez finalizou pola súa banda en 15ª posición en idade prebenxamín, mentres que Carmen Cubela conseguiu o pase á gran perdendo por 10 tocados a 7 e subindo ao segundo chanzo do podio. Ademais no sabre benxamín, Brais Soengas foi 11º, Tomás Ocampo levou a prata ao caer na final e Matías Villamor conseguiu a medalla de ouro ao vencer na final por un resultado de 10-6.
Por último, no sabre benxamín feminina Candela Touriño conseguiu a vitoria gañando por un apertado 10-9 na gran final.