Boa noticia para o Pontevedra Club de Fútbol, que poderá contar cun dos seus pesos pesados para o importante partido do próximo domingo (17.00 horas) no campo do terceiro clasificado, o CDA Navalcarnero.
A cita non a perderá finalmente Víctor Vázquez 'Churre', que fronte ao Unión Adarve viu a quinta amarela do ciclo que carrexaba suspensión.
Con todo Competición aceptou as alegacións presentadas polo Pontevedra invalidando a amoestación, polo que o central marinense estará dispoñible para Ángel Rodríguez.
Churre vira a tarxeta amarela no minuto 87 de xogo, segundo reflectiu a acta arbitral, por "dar unha patada a un adversario de maneira temeraria sen estar o balón en xogo".
O Pontevedra entendía que esa descrición non se axustaba ao sucedido e ao que se podía ver no vídeo do encontro, tal e como comprobou o Xuíz de Competición retirando a tarxeta.