O regreso á competición na División de Honra Prata deberá esperar polo menos unha semana máis para o Club Cisne Balonmán, despois de que o Comité de Competición aceptase a solicitude de aprazamento do encontro que debía enfrontar aos pontevedreses este sábado 15 de xaneiro co Villa de Aranda a domicilio.
A petición de suspensión produciuse este xoves tras detectar o club burgalés un gromo de covid nas súas filas.
En concreto o Villa de Aranda localizou tres contaxios de coronavirus tras a realización de test de antíxenos ao seu primeiro plantel, mantendo seguimento a outros xogadores que "presentan síntomas leves".
Precisamente ese temor a novos casos terminou por aprazar o partido.
Dáse a circunstancia de que tamén o Cisne comunicou un novo positivo de covid no seu equipo, o segundo tras o detectado hai poucos días.