Fíxose de rogar, pero xa é oficial. O regreso da competición tras o parón de Nadal deberá esperar polo menos unha semana máis para a Sociedad Deportiva Teucro.
Tras detectar dous casos de Covid no seu persoal á volta das vacacións, coa corentena doutros dous xogadores que comparten piso cos afectados, o club pontevedrés solicitou o aprazamento do seu primeiro partido do ano na División de Honra Prata, o que debía enfrontarlle o vindeiro sábado 23 de xaneiro ao Bordils no Pavillón Municipal dos Deportes.
Os azuis argumentaban que, aínda que desen negativo, os xogadores en corentena non poderían chegar á cita deixando baixo mínimos o plantel.
Finalmente o Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmán aceptou a petición, confirmando a última hora do martes a suspensión.
Ambos os dous clubs contan agora cun prazo estipulado para fixar unha nova data do encontro.