O PP pide "medidas urxentes" para mellorar a atención cidadá nas dependencias municipais

Pontevedra
12 de xuño 2026
Actualizado: 14:14

Os populares solicitan eliminar a cita previa para as persoas maiores de 65 anos, á vez que propoñen que se impulsen programas específicos de formación e dixitalización para maiores

Fachada do edificio administrativo de Michelena 30
Fachada do edificio administrativo de Michelena 30 / PontevedraViva

O Partido Popular de Pontevedra solicita a adopción de "medidas urxentes" para mellorar a atención cidadá en todas as dependencias municipais.

Reclaman a ampliación dos horarios de atención con cita previa e a eliminación deste requisito para as persoas maiores de 65 anos que así o desexen en todas as dependencias municipais. O obxectivo, aseguran, é "facilitar o acceso de toda a cidadanía á administración local".

Os populares subliñan que estas reclamacións chegan despois de denunciar as dificultades que "nos trasladan moitos pontevedreses, especialmente as persoas maiores, para recibir atención presencial".

A través da concelleira Silvia Junco, lembran que o sistema de cita previa dixital foi implantado a finais de xullo de 2020 para garantir a seguridade sanitaria e axilizar a atención ao público a raiz da pandemia polo COVID-19.

Con todo, "unha vez superada aquela situación excepcional, non se volveu a adaptar o servizo ás necesidades das persoas con menos competencias dixitais", lamenta.

Actualmente, algúns trámites relacionados co Rexistro Xeral e o Padrón permiten unha atención máis accesible sen cita previa, pero "é necesario que se reserven espazos e horarios para atender directamente a aquelas persoas que o necesiten, especialmente a quen non senten capacitadas para utilizar ferramentas dixitais", defende Junco.

A prioridade do Partido Popular é "que os nosos veciños sexan atendidos canto antes e cunha ampla cobertura horaria", asegura, á vez que insiste en que o papel das institucións é garantir unha atención "próxima e eficaz".

Así mesmo, critica que o BNG non haxa implementado ningunha das medidas contempladas no primeiro Plan Estratéxico para as Persoas Maiores do Municipio que fora aprobado por unanimidade en novembro de 2025, tras a presentación dunha moción do PP.

Ademais de flexibilizar a atención presencial, os populares propuxeron que se impulsen programas específicos de formación e dixitalización dirixidos a das persoas maiores para así "previr o illamento, promover un envellecemento activo e favorecer a súa autonomía".