Sufrindo, e moito, pero o Arosa sacou este Xoves Santo tres puntos de ouro para reengancharse á pelexa polo play-off de ascenso.
Os arlequinados superaron o Viveiro (3-2) nun partido que se decidiu cun tanto de Concheiro no desconto desatando a euforia da afección local e deixando atrás os últimos malos resultados. Unido ademais ao tropezo do Alondras, reduce a só tres puntos a desvantaxe coa cuarta posición.
O certo é que o encontro comezou de cara para o equipo adestrado por Lemos, que se adiantou no marcador aos 13 minutos de xogo cun tanto de Hugo Villaverde.
Puido empatar case na seguinte acción o Viveiro, pero David Conde atallou un lanzamento de penalti mantendo en vantaxe aos seus.
Un empate que chegou finalmente no minuto 39 por medio de Diego Santín, aínda que Compa devolveu enseguida a vantaxe convertendo un lanzamento desde o once metros.
Xa na segunda metade o conxunto visitante volveu igualar forzas no minuto ao pouco de renovarse o xogo, avanzando desde entón o reloxo sen cambios até os vibrantes minutos finais.
Os nervios eran cada vez maiores cando Concheiro acertou no seu remate para colocar o celebrado e definitivo 3-2 que dá unha vida extra ao Arosa.