Confianza na segunda unidade ante a visita do Real Racing

Pontevedra
27 de febreiro 2016

Capi, tras evolucionar favorablemente dos problemas musculares que arrastraba, entrou na convocatoria do Pontevedra, na que só faltan os catro sancionados e o lesionado Pablo Carnero para recibir en Pasarón (domingo, 18:00 horas) a un dos históricos do fútbol nacional. Luisito, obrigado a introducir cambios no once

Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

Partido grande este domingo (18:00 horas, TVG2) coa visita dun histórico do fútbol español como o Real Racing ao Estadio Municipal de Pasarón.

O Pontevedra chega á cita coa tranquilidade de ter roto a súa mala serie ante o Coruxo e coa ilusión de repetir a sorpresa da primeira volta, cando venceron no Sardinero, pero non será tarefa sinxela para os granates, que deberán realizar importantes cambios no once inicial.

O dilema de Luisito ao longo da semana foi o esquema para utilizar e o nome dos xogadores que sustituirán aos catro sancionados (Hugo, Bello, Jacobo e Adrián), titulares nas últimas xornadas. Polo menos o técnico viu como Capi evolucionou favorablemente dos problemas musculares que arrastraba e entrou na convocatoria. Tamén Kevin Presa que podería regresar ao equipo despois de dúas xornadas.

Ante este panorama cobra protagonismo a segunda unidade do equipo, futbolistas con menos minutos pero que queren demostrar que poden competir por un lugar no once. É o caso por exemplo de Jandrín, que coas recentes chegadas perdeu a súa condición de titular habitual, ou Anxo, xa que ambos apuntan á aliñación.

O adestrador granate convocou a todos os dispoñibles, descartando por tanto aos sancionados e tamén ao lesionado Pablo Carnero.

A situación é diametralmente oposta para Pedro Munitis no Real Racing Club, ao contar con todo o plantel en condicións para a cita, á que chegan en forma tras sete xornadas sen coñecer a derrota.

O encargado de arbitrar o encontro será o castelán-leonés Héctor Juan Bustos.