Conta atrás para o X Torneo EncestaRías

Pontevedra
13 de setembro 2025

O evento deportivo reunirá os días 19 e 20 de setembro no Pavillón Municipal de Pontevedra ao Real Madrid, Baskonia, Valencia Basket e Río Breogán

Partido entre Valencia Basket ey As Mónaco do IX Torneo EncestaRías no Pavillón Municipal Cristina Saiz

Pontevedra conta os días para vivir o mellor evento de baloncesto da súa historia.

A décima edición do Torneo EncestaRías reunirá, os días 19 e 20 de setembro, aos equipos de Euroliga Real Madrid, Baskonia e Valencia Basket, xunto ao máximo representante galego, o Río Breogán.

O cartel, único en España, sitúa á cidade ao nivel de grandes urbes europeas, transformando o Pavillón Municipal en capital do basket continental por un fin de semana.

Segundo Diego Doval, presidente da Asociación EncestaRías, "esta décima edición é un auténtico fito. Nunca antes a provincia reunira un nivel deportivo semellante".

O torneo arrincará o venres 19 os enfrontamentos entre Baskonia e Valencia Basket (18.45 horas) e Real Madrid e Breogán (21.15 horas).

Ao día seguinte, o duelo polo terceiro e cuarto posto disputarase ás 18.00 horas e a final foi fixada para as 20.30 horas.

A presentación oficial do evento terá lugar o mércores 17 ás 12:30 na Praza da Peregrina, onde se descubrirá ao padriño do torneo e a organización desvelará unha sorpresa especial para celebrar o décimo aniversario.

PROXECTOS DE ELITE E CARAS NOVAS

O Real Madrid aterra cun proxecto renovado. Sergio Scariolo dirixe desde o banco, Sergio Rodríguez asume a dirección deportiva e Felipe Reyes achega respaldo institucional. Cun equipo de enormes garantías, o club branco aspira a competir por todos os títulos.

Pola súa banda, a Valencia Basket chega co mellor persoal da súa historia, baixo a batuta de Pedro Martínez e estreando o novo Roig Area. O retorno á Euroliga converte ao equipo nun dos máis ambiciosos da tempada.

O Baskonia, dirixido por Paolo Galbiati, renova a súa aposta para seguir sendo referencia en Endesa e Euroliga, mentres que Río Breogán, da man de Luís Casimiro, busca consolidarse entre a elite da ACB tras reforzar todas as súas liñas.

O torneo permitirá gozar dalgúns dos mellores xogadores do continente, como Sergio Llull, Walter Tavares, Facundo Campazzo, Markus Howard, Darius Thompson, Erik Quintela e novas promesas de proxección internacional como Hamidou Diallo, Sergio de Larrea ou Danko Brankovic. Os persoais chegan ao completo tras o Eurobasket, garantindo espectáculo para a afección.

A venda de entradas e abonos avanza a gran ritmo, con dispoñibilidade online en ataquilla.com e presencial en tendas Goleada, Socel (Pontevedra) e Mobu Deportes (Vilagarcía).