Contratempo para o Teucro coa lesión de Iván Fernández

Pontevedra
09 de marzo 2016

O xogador mancouse no adestramento deste martes e a pesar de que a primeira valoración apunta a unha lesión menos grave da que se temía, será baixa durante varias semanas

Iván Fernández durante un adestramento do Teucro Mónica Patxot

Ao Teucro acumúlanselle os problemas coa posible baixa de Iván Fernández, despois de que o extremo se mancase no adestramento deste martes.

O xogador azul fíxose dano nunha acción da sesión na que apoiou mal o pé, evidenciando desde o primeiro momento importantes signos de dor que fixeron temer por unha lesión grave.

Afortunadamente, as primeiras exploracións no seu nocello apuntan a unha doenza algo máis leve, cunha distensión, aínda que a importancia dependerá da afectación do ligamento.

Para confirmar o diagnóstico e fixar o período exacto de baixa haberá que esperar á resonancia magnética que se lle realizará ao xogador, que de momento é seria dúbida para o próximo partido.

O contratempo chega nun momento deportivo complicado para o equipo, en postos de descenso, e antes de afrontar a visita do Benidorm ao Municipal, choque vital na loita pola permanencia que se disputará o día 19 de marzo, xa que o próximo fin de semana hai parón na Liga Asobal.