Cristian Remeseiro rexeita a oferta de renovación do Teucro

Pontevedra
22 de xullo 2021

O extremo convértese así na cuarta baixa confirmada no conxunto pontevedrés tras non chegar a un acordo de continuidade "por motivos laborais"

Cristian Remeseiro, no partido entre o Teucro e o Amenabar Zarautz no Pavillón Municipal Cristina Saiz

Cuarta baixa confirmada na Sociedad Deportiva Teucro, a pesar da intención de seguir contando con boa parte do plantel da última campaña.

O xogador que non continuará defendendo a elástica teucrista é Cristian Remeseiro, ao non aceptar a proposta de renovación que lle presentou a xunta xestora "por motivos laborais", confirma o club pontevedrés.

O extremo abandona desta forma a entidade teucrista despois de catro anos, tras chegar en idade xuvenil e ir ascendendo banzos ata asentarse o último curso no primeiro equipo na División de Honra Prata.

Remeseiro únese desta forma a unha lista de saídas na que xa figuraban Fede Wermbter, Samu Pereiro e o canteirán David Rey.

Polo momento o Teucro confirmou oito xogadores para o seu novo proxecto deportivo, coas renovacións de Caue Herrera, Ricardo González, Miguel Sío, Alejandro Gómez, Víctor Deco, Iago Rodríguez e Pedro Sánchez e a fichaxe do gardameta alemán Joshua Rau.