O Arxil segue inmerso na confección do equipo da próxima tempada e os primeiros pasos céntranse en renovar ás xogadoras con maior peso no vestiario. Despois de asegurar a continuidade das dúas capitás María Lago e Carla Fernández, o cadro verde asegúrase agora os servizos de Cristina Díaz Pache para unha nova campaña.
A ala pívot cumprirá desta forma a súa décima tempada ás ordes de Mayte Méndez. Aterrou en Pontevedra no seu primeiro ano como xogadora sénior e desde entón converteuse nunha das pezas máis utilizadas pola adestradora que, na última tempada, tívoa sobre a cancha unha media de 22 minutos por partido nos que promedió 4,3 puntos e 3,3 rebotes.
"Estou moi contenta de renovar coa miña familia pontevedresa", recoñeceu Cristina tras confirmarse o acordo nun ano no que a liga Feminina 2 vén con cambios e no que "non sabemos como irá todo pero eu prometo esforzarme e traballar todo o que poida para axudar ao equipo", explicou.