Dalisson, dúbida para a 'final' contra o Numancia

Pontevedra
24 de xaneiro 2025

O futbolista granate acabou o adestramento do xoves con molestias musculares. "Ten toda a pinta de ser sobrecarga, pero hai que ver o risco que hai", recoñeceu Yago Iglesias

Dalisson, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

Contratempo no Pontevedra Club de Fútbol, que está pendente dos seus servizos médicos para saber si pode contar co futbolista que esta tempada se mostrou máis diferencial até a data, Dalisson de Almeida, na 'final' polo liderado que lle enfrontará este domingo ao Numancia, o seu inmediato perseguidor na táboa.

O granate, que pasa por ser o máximo goleador do equipo (11 goles entre liga e Copa) e o xogador de campo con máis minutos en liga (só superado por Edu Sousa), finalizou o adestramento deste xoves con molestias musculares que poñen en risco a súa participación no decisivo partido.

Así o recoñeceu este venres Yago Iglesias na súa habitual comparecencia ante os medios de comunicación.

"Non parece nada grave", tranquilizou o técnico, aínda que "non sabemos o alcance da lesión. Esperemos que os servizos médicos nos dean a súa valoración canto antes", explicou.

"Ten toda a pinta de ser sobrecarga, pero hai que ver o risco que hai", afirmou Iglesias pensando no choque contra o Numancia.

Yago tamén se referiu á situación de Chiqui, coa grata noticia de que "esta semana xa fixo cousas co grupo", revelou.

No caso do extremo "tamén hai que decidir xunto aos servizos médicos se é pronto ou se está para formar parte da convocatoria", sinalou o preparador granate.

En canto ao resto do plantel estarán "todos dispoñibles" fóra dos lesionados de longa duración, posto que o técnico recupera para a cita a Samu Mayo e Pelayo Suárez tras cumprir un encontro de sanción.