Anunciou o pasado mes de marzo a súa retirada da competición, convertido xa en lenda grazas ás súas cinco medallas en Xogos Olímpicos, e agora ascenderá de xeito oficial aos altares do deporte nacional.
David Cal ingresará na Real Orde do Mérito Deportivo coa categoría de Gran Cruz, máxima distinción que se outorga en España aos personaxes relacionados co mundo do deporte.
Así o acordou este venres o Consello de Ministros, aprobando o Real Decreto que fará posible esta distinción.
Tras esta concesión o ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo felicitou ao pontevedrés a través dun vídeo publicado polo Consello Superior de Deportes, sinalando que querían "premiar esa trayectoria, ese ejemplo para los jóvenes, y para los que ya no somos tan jóvenes, de competir, de tener tesón y lucir con orgullo los colores de España".
David Cal gañou ao longo da súa carreira deportiva unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004 e catro medallas de prata (unha en 2004, dúas 2008 e outra en 2012). Ademais foi abandeirado de España nos Xogos de Pekín 2008.