Contratempo para o Club Cisne Balonmán, que queda sen un dos seus xogadores de referencia debido á incidencia da pandemia.
David Chapela decidiu abandonar a práctica do balonmán e así llo comunicou á entidade pontevedresa, debido ás consecuencias que o confinamento actual do equipo está a ter sobre a súa actividade laboral fóra das pistas de xogo.
"Este ano seguín un pouco polo Cisne e polo debut en Asobal, porque xa o tiña máis complicado polo traballo. Era un esforzo para cumprir un soño, pero agora coa Covid estou a ver que é unha situación inviable por moito que me amole", explicou o xogador a PontevedraViva.
David Chapela: "Coa Covid estou a ver que é unha situación inviable por moito que me amole"
Trátase, asegura de "unha decisión moi difícil para min e tamén é un golpe duro para o Cisne", ao que agradece o seu trato e comprensión: "Téñolles que dar as grazas por verme antes como persoa e como amigo que como xogador", sinalou.
A retirada de Chapela "é definitiva", asegura, aínda que prefire deixar unha porta aberta só para un Cisne no que continúan todos os seus amigos: "Está claro que se volvo xogar é para o Cisne, non habería outra opción".
A decisión non colleu por sorpresa ao club pontevedrés, que este ano afronta a súa estrea na Liga Asobal, e é que o central actúa consecuentemente ao trasladado aos responsables do equipo cando decidiu non xogar o partido ante Anaitasuna por precaución.
"Estaba algo asustado vendo o que estaba a pasar, sabías que podía tocar o confinamento e ao final tocoume e acaba de ser un golpe tremendo para min con respecto ao meu traballo. Non podo volver pasar por isto, é algo que moi ao meu pesar non me podo permitir", conclúe un David Chapela que, do mesmo xeito que os seus compañeiros, espera cumprir os últimos días de illamento marcados por Sanidade tras o positivo dun xogador do equipo e os casos do seu último rival, o Cuenca, para recuperar canto antes a normalidade.