Defensa da terceira praza para o Poio Pescamar na visita do Móstoles

Poio
28 de xaneiro 2022

O duelo das vermellas xogarase o domingo 30 de xaneiro en horario matinal (12.00 horas) por petición do seu rival. Pola súa banda o Marín Futsal visitará a cancha do Leganés

Caridad, no partido de Copa Galicia entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña

Pechar a primeira volta da liga en postos de play- off polo título é algo que parecía imposible hai poucas semanas para o Poio Pescamar, pero a súa melloría de xogo e resultados unido aos aprazamentos de partidos dos seus rivais colocaron ao equipo na terceira posición.

Nesa situación as vermellas, con 24 puntos, reciben este domingo 30 (12.00 horas, A Seca) a un rival directo, o Fútbol Sala Feminino Móstoles que ocupa actualmente a cuarta posición con 23 puntos aínda que con dous partidos menos.

"Non é 100% real debido a que aos rivais fáltanlles partidos por recuperar", recoñece a gardameta Caridad, pero si un estímulo para as xogadoras adestradas por Manu Cossío sabendo que "o obxectivo do club é estar nos primeiros postos".

As madrileñas veñen de recuperar esta semana un dos seus duelo aprazados, pero os outros dous restantes serán ante os potentes Futsi Atlético e Burela, polo que un triunfo pode consolidar o Poio na terceira posición xusto cando se chega ao ecuador da competición.

Manu Cossío non poderá contar para a cita coa brasileira Jane Marques por lesión.

O MARÍN FUTSAL VIAXA A MADRID

Tamén a un equipo madrileño, aínda que no seu caso a domicilio, medirase este sábado 29 (19.00 horas) o Marín Futsal, ao render visita o CD Leganés.

As marinenses, en metade de táboa con 19 puntos, queren lograr un triunfo que faga poñer terra polo medio fronte ao cadro  pepinero, que conta con 13 puntos. Sería ademais a primeira vitoria do ano as as dúas últimas derrotas sufridas nas primeiras xornadas de 2022.