Volve a liga na División de Honra Prata tras o parón dunha semana pola Copa do Rei, e faino cunha xornada importante para os dous equipos pontevedreses en competición.
Na casa xogará este sábado (20.00 horas, Pavillón Municipal) unha Sociedad Deportiva Teucro que busca o seu primeiro triunfo do curso tras comezar con tres derrotas nas tres primeiras xornadas. Enfronte o conxunto adestrado por Irene Vilaboa terá ao San Pablo Burgos nun choque vital para levantar o voo, co engadido de que se trata do que pode ser, a priori, un rival directo pola permanencia e os puntos poden acabar sendo importantes na segunda fase.
"É un equipo que nos vai a esixir moito. Vai xogar moito desde o lanzamento exterior con pivote fixo e temos claro que nosa defensa e o noso ataque directo ten que facerlles dano", analiza a adestradora teucrista.
A boa noticia para os azuis é que recuperan efectivos, e só o lesionado de longa duración Miguel Sío é baixa segura nunha convocatoria na que entrará o porteiro Kilian Ramírez.
En canto ao Cisne, os de Jabato viaxan ao País Vasco (sábado, 19.30 horas) para medirse ao Amenabar Zarautz poñendo o liderado en xogo, xa que se trata do actual segundo clasificado con 5 puntos, a 1 dos pontevedreses.
"É un desprazamento moi complicado", sinala o segundo adestrador, Quiños, xa que o Zarautz "empezou a liga fantasticamente, non coñece a derrota e#ante rivais complicados, non pode ser casualidade".