O deporte pontevedrés busca mecenas a través da Fundación Amare Terra

Pontevedra
13 de novembro 2025
Actualizado: 13:08

Clubs e deportistas locais apostaron pola fundación impulsada pola Xunta de Galicia para buscar fondos cos que completar os seus orzamentos ou custear a súa participación en competicións

Lydia Pérez, tras proclamarse subcampioa mundial de loita praia United World Wrestling

O deporte pontevedrés tenta aproveitar as oportunidades que ofrece a Fundación Amase Terra impulsada pola Xunta de Galicia para aumentar os seus recursos económicos.

Clubs e deportistas locais lanzáronse á nova plataforma na busca de mecenas cos que completar os seus orzamentos ou cos que conseguir fondos para custear a súa presenza en campionatos ou concentracións internacionais.

Un dos primeiros en anunciar unha campaña de micromecenazgo por esta vía foi o Tenis de Mesa Monte Porreiro, pero non foi o único.

Cabe destacar que esta nova fundación permitirá ás persoas que se decidan a achegar o seu gran de area beneficiarse de deducións fiscais (as persoas físicas poderán deducir no seu IRPF o 80% dos primeiros 250 euros doados, e o 40% do resto), polo que se presenta como unha gran oportunidade para o deporte galego.

Deportistas contrastados como a loitadora Lydia Pérez Touriño activaron unha campaña nesta plataforma para tentar alcanzar o seu soño olímpico en Los Ángeles 2028. Asegura a deportista do Loita Pontevedra que necesita diñeiro para custear viaxes e concentracións porque "cada combate, cada viaxe, cada adestramento achégame un pouco máis ao meu soño".

O soño olímpico é compartido pola ximnasta Melania Rodríguez, recente ouro mundial de dobre minitramp e que aspira a clasificarse en Trampolín para os próximos Xogos. Explica na súa campaña que necesita "medios adicionais para custear este tres anos de preparación deportiva e competitiva, que inclúe adestramentos internacionais, viaxes e concentracións".

Nos Xogos Olímpicos da Mocidade de 2026 ten posta a súa mira pola súa banda Hugo Casañas, atleta especializado en lanzamentos que asombra nas categorías inferiores e que necesita fondos "para material de adestramento e competición e, sobre todo, recursos para viaxes a meetings e competicións internacionais que favorezan e apoien a preparación ao máis alto nivel".

A nivel de clubs tamén activaron campañas en Fundación Amare Terra para custear a súa actividade entidades como o Club de Loita Pontevedra, o Marín Futsal, o Estudiantes Pontevedra de baloncesto ou o Moraña CF.

Destaca ademais unha causa como a de #YoCorroPorLúa, unha moza pontevedresa, Lúa Durán, que padece unha enfermidade rara e que, chea de vitalidade, busca fondos "para conseguir unha cadeira nova, lixeira e segura, que me permita seguir correndo acompañada de quen me empuxan e inspíranme".