O Marín Futsal non poderá estar por terceira tempada consecutiva na fase final da Copa da Raíña, tras caer este mércores na Raña na eliminatoria de oitavos de final do torneo.
Visitaba o pavillón marinense unha das revelacións do curso na máxima categoría, o AE Les Corts. En xogo estaba un billete para a final a oito do torneo.
O certo é que a cousa se puxo ben para o Marín moi cedo, deixando de lado a súa realidade ligueira, e é que aos tres minutos de xogo Débora Fernandes poñía o 1-0 no electrónico.
Con vantaxe, as xogadoras adestradas por Ramiro Díaz esperaban a súa opción para asestar un novo golpe, ante un cadro catalán que daba un paso á fronte ata conseguir a igualada pouco antes do descanso por medio de Paula Guix.
Con táboas chegábase ao intermedio e con todo aínda por decidir. A tensión era máxima co paso dos minutos, pero a balanza terminouse decantando cara ao lado visitante cando no minuto 31 Lucía Gómez cara ao segundo para Les Corts, sentenciando pouco despois Paula Guix co definitivo 1-3 que lle daba ao seu equipo o pase á seguinte rolda.
Consulta aquí a acta do partido de Copa da Raíña entre Marín Futsal e AE Les Corts.