Derrota fronte ao Rayo Majadahonda e susto na Raña, con Patri evacuada en ambulancia

Marín
02 de decembro 2023

O conxunto marinense, que viña de vencer nunha cancha complicada como a de Móstoles, viuse sorprendido este sábado na casa por un rival directo da zona baixa da táboa

Patricia Arruti, no partido de liga entre Marín Futsal e Les Corts na Raña
Patricia Arruti, no partido de liga entre Marín Futsal e Les Corts na Raña /

Derrota no deportivo pero nun segundo plano, e é que o importante no partido entre Marín Futsal e Rayo Majadahonda foi o ocorrido na última xogada do primeiro tempo, nunha acción que provocou que a gardameta local Patricia Arruti 'Patri' abandonase o pavillón da Raña en padiola e con collarín para ser evacuada ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

Apenas restaban segundos para o descanso, con 1-2 no marcador, cando Patri saíu da súa meta para tentar cortar unha contra rival, chocando de maneira brusca coa visitante Iraia. Ambas as dúas xogadoras quedaban tendidas sobre a pista. Así estiveron durante uns angustiosos minutos ata que Iraia puido abandonar a cancha polo seu propio pé e os servizos médicos comprobaron que Patri respondía e podía ser evacuada con seguridade.

Na xogada por certo, que non se detivo, o balón quedara solto e coa meta marinense baleira, enviando o balón fóra a madrileña Marta de Diego renunciando ao 1-3 nun claro exemplo de deportividade.

O partido, que arrincara cun competido duelo de poder a poder entre dous equipos que pelexan por escapar da zona baixa da táboa, pasaba a ser o menos importante.

Antes da desagradable acción María Barcelona adiantara o Majadahonda cando non se cumpriran dous minutos de xogo aproveitando unha perda en zona comprometida de Adriana, Carolina Bravo empatara no minuto 11 tras unha xogada persoal de Débora e Marta de Diego fixera o 1-2 no 13 de novo tras un roubo en cancha contraria.

Xa cos ánimos máis acougados o xogo retomouse tras o descanso, e do mesmo xeito que no primeiro acto o Rayo Majadahonda castigaba cada erro do Marín Futsal. Así aproveitaba outro roubo en media chancha para bater a Ana Pinto e facer o 1-3 no minuto 22.

Non lograban facer dano as xogadoras adestradas por Ramiro Díaz e o tempo seguía correndo, ampliando rendas o cadro visitante a 11 do final cun penalti transformado por Paula Llorente.

Faltaba moito tempo aínda por xogarse e o técnico local probaba co xogo de cinco para ver se lograban recortar distancias. O que chegaría en cambio sería o 1-5 tras un saque de banda.

Puntuar era xa unha misión imposible, aínda que o Marín Futsal maquillou lixeiramente o resultado con goles de María Estévez e Adriana para o 3-5 final.

Consulta aquí a acta do partido entre Marín Futsal e Rayo Majadahonda.