Derrota do Waterpolo Pontevedra ante un Boadilla apurado pola permanencia

Pontevedra
31 de xaneiro 2026

O equipo pontevedrés caeu por 10-11 ante un Boadilla que chegou á penúltima xornada de liga coa obrigación de gañar para manter vivas as súas opcións de permanencia

Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CN Boadilla en Rías do Sur Cristina Saiz

O Waterpolo Pontevedra caeu este sábado ante o CD Natación Boadilla, nun duelo marcado polos distintos obxectivos de ambos os equipos.

As pontevedresas, coa permanencia asegurada e o billete para a Copa Federación xa no peto a falta dun partido por disputarse, medíronse a un rival que chegaba coa obrigación de gañar para manter as opcións matemáticas de alcanzar a fase pola permanencia.

O equipo visitante entrou na piscina co obxectivo claro, asinando unha parcial inicial de 0-2 que as locais igualaron ao termo do primeiro período cos goles de Andrea Prados e Andrea Andión.

No segundo cuarto, as madrileñas mostráronse superiores e chegaron a gozar dunha renda de tres tantos (3-6). Con todo, a falta de 22 segundos para o descanso, Irene Esteban recortou distancias, anotando o 4-6.

Tras o paso por vestiarios, o encontro mantívose con vantaxes dun ou dous goles sempre a favor do Boadilla, que aguantou os intentos do Waterpolo Pontevedra de igualar.

As locais non desistiron e, no ecuador do último cuarto, lograron o seu labor, establecendo o empate a nove cando aínda restaban 5 minutos por disputarse.

Foi con todo o equipo madrileño, consciente do que tiña en xogo, o que pisou o acelerador nos instantes finais asinando o definitivo 10-11.

O Waterpolo Pontevedra disputará a última xornada de liga o sábado 7 de febreiro a partir das 14:45 fronte ao CN Molins de Rei, cuarto na clasificación a 9 puntos das pontevedresas.

Consulta as estatísticas neste enlace