Un xogador da Sociedad Deportiva Teucro deu positivo por Covid, e permanece illado seguindo o protocolo de prevención contra o virus.
Segundo confirmou o club pontevedrés, o contaxio do xogador foi detectado nas probas de antíxenos realizada ao primeiro persoal tras volver a pasada semana aos adestramentos.
"No mesmo momento que o staff técnico é coñecedor do devandito positivo, notificárono ao Sergas, facéndolles saber a situación do positivo e do resto do plantel", explica o Teucro.
Ademais procedeuse á cancelación do adestramento e ao confinamento preventivo doutros xogadores do equipo cos que comparte piso.
"Todos os nosos xogadores, incluídos os confinados, atópanse en bo estado. O xogador que deu positivo, a día de hoxe, non presenta síntomas", engade a entidade azul, que na súa primeira semana de traballo deseñou sesións sen contacto e con todas as precaucións posibles ata coñecer o resultado dos test.
Debido a iso, e á espera de que os contactos estreitos sexan sometidos ás pertinentes probas PCR, o Teucro confía en que esta situación non dificulte o regreso da competición tendo en conta que o seu próximo partido de liga, o primeiro do ano, non se disputará ata o próximo 23 de xaneiro fronte ao Bordils.