Dez anos de Carreira Pedestre de Campañó

Pontevedra
23 de maio 2017

A proba, cuarta cita do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, celebrarase o vindeiro sábado 27 de maio cun percorrido que recupera "a famosa costa do descanso eterno, no cemiterio"

José María Domínguez e Anxos Riveiro presentan a X Carreira Pedestre de Campañó PontevedraViva

Quenda para a cuarta cita do calendario no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, unha Carreira Pedestre de Campañó que chega a unha cifra redonda coa súa décima edición.

A organización espera a presenza de máis de 700 deportistas, entre a proba absoluta e as carreiras de categorías inferiores, nun evento que terá lugar o vindeiro sábado 27 de maio coa súa característica habitual, a dureza.

"A proba de Campañó sempre foi dura", explicou na presentación José María Domínguez, representante de Asociación Cultural e Deportiva de Campañó.

Serán 8.500 metros de percorrido, con dúas voltas a un circuíto no que "volvemos recuperar a famosa costa do descanso eterno, no cemiterio", explicou Domínguez.

As carreiras de categorías inferiores comezarán ás 17:40 horas e a proba absoluta ás 19:00 horas, con saída diante da Casa de Cultura.

A presentación da X Carreira Pedestre de Campañó celebrouse este martes no Concello de Pontevedra coa presenza tamén da responsable municipal de Deportes, Anxos Riveiro.